Saturday 27 de April de 2024

O ciclo internacional do festival “il Cinema Ritrovato” chega á Coruña dentro da programación da Consellería de Cultura e Educación no CGAI


Este martes día 20 proxéctase a primeira das seis xornadas en homenaxe a este encontro italiano, creado hai 28 anos pola Cineteca de Boloña co obxectivo de recuperar para o público, filmes que se crían perdidos ou moi difíciles de atopar

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é o próximo destino dun ciclo internacional en homenaxe ao festival “il Cinema Ritrovato”, no marco do que o martes día 20 terá lugar a primeira das seis xornadas dedicadas a este encontro italiano, organizado pola Cineteca de Boloña, e á súa contribución á difusión da historia do cinema a través da presentación de filmes que se crían perdidos ou moi difíciles de atopar.

Este ciclo especial, que recala na sede coruñesa do CGAI dentro do seu percorrido por distintas cidades europeas como Bruxelas, Helsinki, Oslo, Madrid, Valencia, Santander, Barcelona e Lisboa, achégalles aos espectadores galegos a posibilidade de ver unha selección de filmes restaurados polo propio laboratorio da Cineteca e estreados no marco do festival. Guy Borlée, actual responsable de “il Cinema Ritrovato”, foi o encargado de comisariar este programa, a través do que tamén se homenaxea o seu anterior director artístico, Peter von Bagh, recentemente falecido.

Nesta escolma hai lugar tanto para o cinema mudo como para os clásicos italianos, pasando polo documental o mesmo o cine indio. Así, as dúas citas previstas para esta semana dedicaranse ás primeiras décadas do século XX. O martes 20, ás 20.30 horas proxectaranse varias curtas de Gaston Velle e a fita ‘Maciste l’uomo forte’, de Vicenzo Denizot e Luigi Romano Borgnetto, para o que se contará co acompañamento ao piano de Irma Fernández Alonso; mentres que o mércores 21 celebrarase unha sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.00 horas, de ‘Ma l’amor mio non muore!’, película de 1913 realizada por Mario Caserini.

Mario Monicelli e Vitorio de Sica
En canto aos clásicos italianos, o CGAI programará dous relevantes títulos dos anos sesenta: ‘Llegan los bribones’, de Mario Monicelli, o mércores 28 de xaneiro; e ‘Matrimonio a la italiana’, de Vittorio de Sica, o mércores 4 de febreiro. O programa ofrece tamén unha ollada cara ao documental cunha sesión de curtamentraxes asinadas por Vittorio de Seta entre 1954 e 1955 (martes 27 de febreiro), así como ‘Estrella nublada’ (martes 3 de febreiro), un clásico do cinema indio a través do que se fai referencia ao traballo internacional que desenvolve a Cineteca de Boloña recuperando e restaurando películas procedentes de filmotecas de todo o mundo.

Todas as fitas do ciclo “il Cinema Ritrovato”, que inclúe tanto copias en 35 milímetros como en formato DCP, proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en galego.